17 de maio + internet + galego + futuro

martes, 19 de junio de 2007

Cita no Espazo Avanza en Santiago

Boas; xentes de Frades e resto do mundo. Co obxectivo de promocionar a formación en novas tecnoloxías, estará situada no mercado de Salgueiriños (Compostela), entre os días 20 e 24 de xuño, unha carpa do Plan Avanza do Ministerio de Industria, co título "Espazo Avanza".

Todas as persoas que o desexen poderán achegarse ao Espazo Avanza , onde se intentará promocionar para toda a cidadanía o uso das Novas Tecnoloxías con actividades lúdicas nas que se mostrarán as utilidades de Internet. Ademais, está previsto que se desenvolvan pequenos cursos de formación específica destinados a colectivos de cidadáns como nenos e persoas maiores, empresarios, profesionais e autónomos en ámbitos como a seguridade da informática ou das facturas electrónicas.

A Rede de Dinamización da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información vai estar tamén representada na carpa, dispoñendo dun posto informativo onde se explicará a filosofía do proxecto e se dará información sobre os centros adheridos, as actividades, obradoiros, cursos e iniciativas que se levan a cabo.

Pasádevos por alí se tendes un rato libre, aos veciños de Frades quédavos preto!!

jueves, 14 de junio de 2007

NOVOS OBRADOIROS

Ola a todos e a todas e en especial aos veciños e veciñas de Frades, aos cales van dirixidos os seguintes obradoiros que se celebrarán na Aula de informática da Casa do Concello. Aquí poderedes ver, ao igual que nos folletos, carteis e avisos que están distribuídos por tódalas parroquias, a listaxe destas novas actividades relacionadas coas novas tecnoloxías e a sociedade da información.



Obradoiro de iniciación a internet (10 horas). Do 11 ao 15 de xuño, de 16 a 18 horas.

Obradoiro de introducción a Open Oficce (2 horas). Día 25 de xuño , de 19 a 21 horas.

Obradoiro "Fai as túas presentacións en Impress" (15 horas). Do 26 de xuño ao 2 de xullo, de 16 a 19 horas).

Obradoiro "Circuíto infantil pola rede", para nenos de 5 a 10 anos (4 horas). Días 3 e 4 de xullo , de 11 a 13 horas.

Obradoiro "Aprende a crear un blog en Internet". Crearemos un blog que recolla as tradicións, acontecementos, imaxes, contos populares, anécdotas, opinións... de Frades) (14 horas). Do 9 ao 18 de xullo, de 16 a 18 horas.

Obradoiro de correo electrónico (10 horas). Do 23 ao 30 de xullo, de 19 a 21 horas.

Obradoiro "Colga o teu currículum na rede" (8 horas). Do 1 ao 6 de agosto, de 11 a 13 horas.

Obradoiro de iniciación ao procesador de textos Writer (15 horas). Do 8 ao 14 de agosto, de 10 a 13 horas.

Así que xa sabedes. Se estades interesados en un ou varios destes obradoiros que pon en marcha a Rede de Dinamización en colaboración co Concello, téndesvos que apuntar achegándovos ata a Casa Consistorial, ou chamando por teléfono. O número é: 981695567.

Ou tamén se o preferides podédesvos apuntar directamente, enviándome un correo electrónico á seguinte dirección: marta.frades@dinamiza.sociedadedainformación.eu Poñede no correo, o obradoiro ao que vos queredes apuntar, nome, idade e un número de teléfono.

martes, 5 de junio de 2007

E non custa cartos, non?

Hoxe leo no xornal "La Voz de Galicia" o seguinte titular: "A banda ampla xa chega ao 80% dos galegos, pero só o 3'6% a contratan". A miña primeira reacción é sorprendarme un pouco, paréceme pouquísimo a porcentaxe de persoas que deciden contratala. E sigo lendo.

Os motivos que se dan para semellante fracaso son, por unha banda o avellentamento da poboación onde se están ampliando os servizos e por outra, a escasa formación tecnolóxica que os seus habitantes teñen. Tampouco é que faga falta ser un analista experto para ver isto. Podo estar de acordo con estes argumentos, pero penso que aquí falta falar de algo que a nova non menciona por ningures. Iste porcentaxe tan baixiño de altas, ¿non será debido tamén (ou eu diría máis) ¿non será debido principalmente ao caro que sae contratar unha banda ampla?. En Galicia, conectarse a internet de alta velocidade sae bastante máis caro que en moitos lugares de España. Así que por favor, sexamos realistas, se a contratación fose máis económica esa porcentaxe subiría como a escuma (por moi vellos que sexan no rural). Ou polo menos iso penso eu.

domingo, 3 de junio de 2007

Olor a plástico e outros tufillos

Pois sí, amig@s. Comprobei que o olor que desprenden os carteis anunciadores e promocionais de actividades, (sí, os verdes grandes da Rede de Dinamización que veñen nesa funda negra tan chula), son incompatibles cos recintos caldeados e relativamente pequenos. Tranquilos, descubrino a tempo. Mentres estaba montando o canón, o alargador e esas cousas sen as cales non podes dar unha charla, pensei; “agora só falta poñer aquí ao lado da pizarra blanca que fará de pantalla, o título do evento sobre un fondo promocional da organización”. Así que abrín a funda, collín e montei o soporte, e foi ao estar desenrolando o cartelón cando o aroma tremendo se espallou por diante das miñas narices e reflexionei; “un momento, un momento, non pensarás poñer isto preto da xente e tampouco ao lado dos conferenciantes. Non podes sometelos a semellante tortura, van saír “colocados” daquí". O olor non se suavizara nada dende a primeira vez que lles botara un vistazo, cando mos enviaran da coordinadora.
Pois nada, se non podía estar na sala onde se ía celebrar a cita, había outro lugar cértamente idóneo onde estaría el soíño; ese sitio era a entrada do multiusos. E alí quedou, dando a benvida aos que por alí se achegaban, sen molestalos moito.
A charla estivo moi ben. A parte de Jesús Arribi, de Mancomún, achegáronse tamén Andrés e Pablo, membros de “A Forxa”, que é unha rama de Mancomún que se adica ao desenvolvemento de software. Fixeron os tres un esforzo por achegarse o máximo posible a unha pobación que pouco leva escoitado falar deste tipo de programas, e penso que aos 15 participantes algún bichiño lles quedou que os fará pensar.
E é que non me digades que o do software propietario non atufa tamén!! O outro día lin unha nova en “El Mundo” dixital. Resulta que un tipo quería mercar un ordenador portátil con algunha distribución GNU/Linux como sistema operativo (pobre iluso). Evidentemente non tiñan na tenda ningún con este software pero ademáis, tampouco tiñan ningún que non tivese algún producto de Windows instalado. O pobre home tivo que mercar un ordenador que incluía o Windows XP. Cando chegou a a casa e leu a licenza, viu que tiña 30 días para devolver o software a Microsoft e recuperar os cartos, e iso foi o que tentou. Bueno, o que tentou nos seguintes 30 días e dous anos despois continúa tentando por todos os medios, interpoñendo incluso, unha demanda civil. Agardo que Paco, que así se chama o perxudicado, profesor de instituto, consultor de novas tecnologías e formador en TIC, consiga chegar ata o final. Evidentemente para el, non é unha cuestión de cartos, senón de xustiza e de liberdade.
¡Ánimo Paco!